19/02/2025
Benvidos e benvidas a celebrar un ano máis o Día Internacional do Guía de Turismo.
En Lugo este venres 21 de febreiro saíndo ás 11:00 h dos soportais do Concello na Praza Maior, faremos un roteiro "Lugo pola Paz". Ao finalizar este, recolleranse doazóns en favor de Médicos sen Fronteiras.
A federación mundial de guías de turismo elexiu este ano o lema: "os guías de turismo, embaixadores para a paz". De certo a nosa profesión contribúe a estabelecer pontes entre as culturas, promovendo o entendemento, a inclusión e a harmonía. Ao levarmos aos nosos visitantes por lugares de batallas pasadas, monumentos do patrimonio cultural ou espazos naturais, compartimos historias que inspiran reflexión, reconciliación e o respecto polas persoas e a natureza. A verdadeira paz comeza co xeito de tratarmos a quen está cerca de nós e o noso entorno. É o noso compromiso.