10/11/2026
🤩 Estes meses son perfectos para invertir horas no proceso de documentación e aprendizaxe necesarios para seguir dándolle voltiñas á cabeza. Son varios frentes os que temos abertos, e un deles e o profundizar no pasado da Ría da Estrela vinculado á industria da salgadura. Andamos lendo ao noso amigo Santiago Llovo e imos descubrindo cousiñas de interese. Tanto é así que un emocionase á veces co que se atopa polo camiño. A metade da miña familia, por parte de meu pai, ven do Concello de Carnota. Fai moitos anos, sendo meu pai moi rapaz, meus avós compraron parte dunha herdanza á familia Busto no lugar de Brión de Arriba e viñeron vivir ao Concello de Outes, pero a súa orixe é a parroquia de San Mamede. En concreto os Añaghoto de Cornido e os Fraile de Canedo.
🎬 Lembro fai anos, nalgunha viaxe que facíamos a terras carnotás que, ao paso pola vila de Muros, meu pai contaba parte da historia familiar ligada á industria da salgadura, xa que noso tío Daniel rexentaba a Fábrica de Conservas e Salazóns "Daniel Rodríguez Blanco". Pero as historias que nos contaba iban máis lonxe no tempo, ata meu bisavó. Esto quedou aí, a empresa de meu tío deixou de existir e eu nunca indaguei no pasado industrial da familia. Quedou na memoria coma unha anécdota. Pasou o tempo e a curiosidade levoume a ler os libros de Llovo sobre a historia da salgadura na ría e, sen esperalo, na historia da salgadura no Concello de Muros apareceu a FÁBRICAS DE CONSERVA DE BENITO e DANIEL RODRÍGUEZ. Velaí estaba, diante de min, despois de moitos anos a historia documentada do pasado industrial de meu bisavó. Benito Rodríguez Casais, meu bisavó carnotán (pai de meu avó Manuel Rodríguez Blanco) comeza a traballar na industria no albor do século XX como empregado de Sel. Parece que era emprendedor e a primeiros da década dos 20 establécese pola súa conta construíndo a súa fábrica na "Calle de la Iglesia", onde hoxe en día está o edificio de vivendas "Loureiro".
🥰 Ao quedar pequena esta primeira fábrica, no ano 1941 merca a fábrica de Román Romaní Mariño no Paseo do Bombé, máis grande e próxima ao mar, remodelándoa no ano 1951 para adaptala á instalación da nova maquinaria. Meu bisavó morre no 1955, adxudicando esta fábrica a meu tío Daniel Rodríguez Blanco, que comeza a operar baixo a marca "Leocadia". Daniel expande o negocio mercando no 1968 unha vella salgadura dos Portal en Lira, aínda que non rematou o proceso de conversión á conserva. No ano 1974 da un paso definitivo mercando a fábrica que fora de Joaquín Vieta no mesmo Paseo Bombé, trasladando a produción a esta nave. Tal como conta Santi Llovo no libro, nesta fábrica tío Daniel xunto cos fillos Daniel e Benito dou un salto cuantitativo na súa produción. Tío Daniel herdou tamén postos na praza de abastos de Santiago e diversificou inversións sendo armador de diversos barcos de arrastre sobre todo. No 1985 constrúe unha nova fábrica en Lira, tendo no 89 a de Lira e a de Muros en funcionamento. Pouco máis duraría e a primeiros dos 90 chega o ocaso da empresa e, tras varios intentos por reflotar a empresa, a finais dos 90 chega o ocaso definitivo dando por pechado a relación da familia Rodríguez co mundo da salgadura e da conserva.
📚 Unha historia familiar similar á de moitas outras familias que se dedicaron a esta industria no noso territorio. Unha historia que, emocional e sentimentalmente, nos gustou moito atopar neste libro. Un emprendedor carnotán de primeiros de século que se fixo un oco nun mundo industrial para o que non nacera e que perviviu ao longo de todo o século XX. Meu bisavó Benito Rodríguez Casais, un home feito a sí mesmo que pervive na memoria familiar no nome de tres netos, un de cada fillo. Meu pai leva, non so o seu nome, senón un incríble parecido que se acrecenta segundo vai cumprindo anos. Gracias Llovo por escribir parte da nosa historia familiar e deixala na memoria colectiva.
Pd: a modo anecdótico, o pasado conserveiro pervive tamén en Casa Peto Outes, xa que os mexillóns en escabeche seguen a facerse coa receta tradicional de Conservas Leocadia.